Down España lanza unha guía práctica para traballar a xestión emocional das persoas con síndrome de Down

As emocións forman parte esencial da experiencia humana: oriéntannos, conéctannos coas demais persoas e axúdannos a comprender o que necesitamos. Con todo, non sempre resulta doado recoñecelas nin xestionalas de forma axeitada.

É por iso que, a partir das inquedanzas trasladadas polas familias de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en distintos espazos sobre este tema, Down España deseñou varios recursos orientados a favorecer a xestión das emocións.

Estas demandas apuntaban á necesidade de contar con ferramentas prácticas para acompañar emocionalmente ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, comprender mellor as súas emocións e dispoñer de apoios útiles para afrontar os conflitos cotiás.

As publicacións elaboradas pola federación estatal céntranse na aprendizaxe e a xestión emocional, e están deseñadas para ofrecer materiais accesibles e aplicables no día a día tanto aos ás profesionais das entidades como ás familias e ás propias persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual.

Un destes recursos é “Actividades para trabajar las emociones: recursos y ejercicios prácticos para la gestión emocional”, un material didáctico con fichas e propostas de actividades para traballar a xestión emocional nas entidades Down.

Este material está orientado ao traballo tanto de emocións simples como complexas, á abordaxe de situacións de conflito e ao recoñecemento das emocións, facilitando que a persoa poida identificar que sinte e actuar en base ao que necesita en cada momento.

Descarga a guía aquí.

Esta guía foi elaborada por profesionais de entidades federadas, no marco do Grupo de Traballo de Emocións, e conta co apoio do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 e da empresa KIABI.

Ir o contido