Máis de 200 persoas participaron o pasado mes de xuño nas probas para a obtención dos certificados Celga 2 que se celebraron no IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Estas certificacións, dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego a efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos.
No caso das entidades Down, foron 16 os mozos e mozas que se presentaron a estas probas, conseguindo unha cualificación de “Apto” soamente 4 deles. Se ben é certo que os resultados non acompañaron, é moi salientable o esforzo e a dedicación que todas as persoas participantes do Movemento Down amosaron durante a preparación e a execución desta proba.
Desde a Federación queremos animalos a presentarse de novo o vindeiro ano e felicitalos pola dedicación e o tempo empregado nestas probas.
Por outra banda, Ruth Núñez, usuaria dunha das entidades membro de Down Galicia, acadou a cualificación de “Apto” na proba do Celga 3 á que se presentou. Noraboa!
Necesidade de cursos preparatorios
Unha boa formación é vital para a consecución duns bos resultados en calquera proba de certificación e, como ven sendo habitual desde os seus inicios, a Federación aposta pola preparación a través de recursos comunitarios da contorna.
Por iso, Down Galicia demanda á Administración unha oferta formativa de ámbito autonómico, presencial e gratuíta para a preparación dos certificados Celga.
A importancia das adaptacións nos procesos selectivos
Un ano máis, estas probas de certificación volveron a ser máis accesibles para as persoas participantes coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual, xa que puideron solicitar antes da realización das mesmas unha serie de adaptacións para facilitarlles o proceso.
Está comprobado que cada persoa ten unhas capacidades diferentes e algunhas delas están máis desenvolvidas que outras. A comprensión é unha de estas capacidades e pode estar limitada por diversas circunstancias.
As adaptacións son axustes ou modificacións que se levan a cabo en diferentes elementos coa fin de responder ás necesidades de comprensión dunha persoa.
No caso dos procesos selectivos, son necesarias as adaptacións de tempos e de materiais para facilitar a comprensión e a realización das probas a aquelas persoas con discapacidade intelectual que o precisen.
Así, de entre as adaptacións realizadas para as certificacións das probas do Celga destacan o acompañamento dun preparador ou preparadora, a redacción da proba escrita coa técnica da lectura fácil e a ampliación do tempo para a realización das mesmas.
Que é a lectura fácil?
A lectura fácil é a metodoloxía que se utiliza para facilitar o acceso á información a todas aquelas persoas que teñen unha capacidade de comprensión lectora máis baixa. Trátase de redactar a información con frases sinxelas, curtas e directas. Non se trata de eliminar información senón de facela máis comprensible.
A adaptación dun texto a lectura fácil permite, como neste caso, que unha persoa con discapacidade intelectual entenda mellor os contidos e os exames dunha proba de avaliación de coñecementos. Isto non quere dicir que se lle pregunten contidos máis fáciles, senón que se lle pregunte o mesmo que a calquera outra persoa pero formulado de xeito máis sinxelo e concreto.
É necesario un maior impulso e concienciación sobre o uso da lectura fácil para avanzar de xeito real cara a unha sociedade que inclúa a todas e todos, posto que unha verdadeira sociedade inclusiva deber facilitar que todos os seus membros poidan acceder a todas as áreas de coñecemento e participación.