A Obra Social de Ibercaja, a través da súa Convocatoria 2017 de Proyectos sociales, colabora co proxecto “Síndrome de Down e envellecemento: unha nova situación que afrontar” que Down Galicia desenvolve nos seus 7 centros de traballo nas principais cidades galegas (Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), estendendo así a súa actuación practicamente a toda Galicia.
A través deste soporte económico, que ascende aos 2.000€, 103 persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais maiores de 35 anos ou cun envellecemento precoz puideron gozar dunha serie de apoios para promover un proceso de avellentamento máis activo e saudable. Deste xeito, pódese dicir que a contribución da Obra Social de Ibercaja terá como beneficiarias, de forma directa, a estas 103 persoas usuarias do proxecto e, de maneira indirecta, a 309 familiares que forman parte da rede de apoio de cada unha delas.
Para a consecución do obxectivo marcado neste proxecto leváronse a cabo distintas actividades, como a valoración do proceso de envellecemento das persoas usuarias, a elaboración dun plan individual de intervención, a avaliación e seguimento do envellecemento, a atención e o apoio psicosocial a familias e a coordinación con recursos socio-sanitarios da contorna comunitaria.
Envellecer é un proceso natural para todas as persoas, mais non deixa de ser unha conquista para as persoas coa síndrome de Down. De feito, nas últimas décadas apreciouse un espectacular aumento da súa esperanza de vida, superando en moitas ocasións os 60 anos. É por iso que empezamos a atoparnos nestes momentos cunha poboación maior de persoas adultas que mostran cambios prematuros relacionados coa idade e novas necesidades físicas, psíquicas, cognitivas e sociais ás que debemos dar resposta.
Para Down Galicia falar de envellecemento é falar de retos, pero tamén de futuro. A sociedade debe proporcionar ás persoas maiores con discapacidade as oportunidades que lles permitan ser o máis autónomas posible, gozar de boa saúde e ser produtivas, fomentando así o benestar e creando contornas ambientais máis propicias e favorables. É dicir, capacitar en lugar de xerar unha dependencia innecesaria.