A Fundación ONCE, a través da Convocatoria Xeral 2023 de axudas económicas na categoría de creación de emprego, apoiou con 7.000 euros o proxecto “Emprego Con Apoio: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que a Federación Down Galicia leva a cabo no territorio galego.
Desta forma, 40 persoas participantes no proxecto puideron contar cunha serie de apoios dirixidos a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario. Así, en virtude desta achega, no período de xullo de 2023 a xuño de 2024 un total de 17 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaron con algún apoio para a procura activa de emprego, mentres que outras 23 persoas tivérono para o mantemento do seu posto de traballo en empresas ordinarias.
En canto ás contratacións, 31 persoas asinaron ou mantiveron contrato durante o período do proxecto. Practicamente a totalidade destas contratacións son a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida. Durante este período, 3 persoas usuarias do proxecto en procura activa de emprego realizaron formacións prácticas.
Ademais, durante este período, realizáronse labores de prospección en empresas de toda Galicia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto en fase de procura de emprego, pero tamén para conseguir a continuidade no posto dalgunhas das persoas usuarias en fase de mantemento.
Este proxecto levouse a cabo practicamente en boa parte da xeografía galega, especialmente nas capitais de provincia e nas súas cidades máis importantes, aínda que tamén noutros concellos aos que pertencen as persoas participantes no mesmo como Ponteareas, Redondela, Cambados, Neda, Narón, Guitiriz, Teo, Arteixo, A Bola ou Meaño.
Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual atopan á hora de tentar acceder ao mercado laboral ordinario.