Down Ourense recibe o financiamento do Fondo Sabadell para a formación e inserción laboral de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual

A asociación Down Ourense recibiu o recoñecemento do Banco Sabadell e Sabadell Asset Management – Grupo Amundi ao ser seleccionado o seu programa de Formación laboral e Emprego Con Apoio para recibir financiamento a través do Fondo Sabadell Inversión Ética y Solidaria FI. Ao acto de entrega, celebrado este martes na sede corporativa de Banco Sabadell en Madrid, asistiu Susana Rodríguez Moreiras, xerente de Down Ourense.

A entidade social ourensá obtivo a través desta convocatoria unha axuda de 13.488,79 euros, que beneficiou de maneira directa a 42 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. As persoas participantes no programa recibiron formación para mellorar a súa empregabilidade e/ou obtiveron apoio ou ferramentas nos seus postos de traballo para reforzar a súa autonomía laboral.

O Fondo Sabadell Inversión Ética y Solidaria FI destinou 341.897 euros a 24 entidades de toda España nesta última edición, tras recibir máis de 200 solicitudes. As iniciativas seleccionadas abranguen non só a inserción laboral e social, senón tamén a saúde, a educación ou a atención a persoas en situación de vulnerabilidade.

O acto do Banco Sabadell contou coa participación do director xeral adxunto e director da Territorial Centro de Banco Sabadell, José Manuel Candela; o CIO de Sabadell Asset Management, José Antonio Pérez; o director de Negocio Institucional de Banco Sabadell, José Luis Montesino-Espartero; e a presidenta de Cruz Roja Española, María del Mar Pageo. Susana Rodríguez Moreiras, xerente de Down Ourense, foi a encargada de recibir o recoñecemento en forma de talón a favor da asociación.

A importancia da inclusión laboral

Nun mundo cada vez máis diverso, o emprego inclusivo converteuse nunha necesidade para as empresas e as administracións que buscan non só fomentar a diversidade, senón tamén ofrecer oportunidades en igualdade de condicións a tódalas persoas, independentemente das súas características persoais.

O emprego inclusivo non só contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, senón que tamén ten un impacto positivo nas empresas que as contratan. A diversidade no lugar de traballo aumenta a creatividade, a innovación e a produtividade das empresas, o que se traduce nunha mellora nos resultados empresariais e na motivación dos empregados e empregadas.

Pero, sobre todo, a inclusión laboral é a mellor fórmula para que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais melloren a súa calidade de vida, adquirindo un incremento nas súas cotas de responsabilidade, de autoestima, de actividade, de sociabilidade e de autonomía persoal.

Máis de 20 anos coa metodoloxía Emprego Con Apoio

Foi no ano 2002 cando as entidades Down en Galicia comezaron a desenvolver o programa Emprego Con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un novo emprego contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que a persoa empregada poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de maneira positiva e natural.

Trátase, en definitiva, de prestar ás persoas con discapacidade intelectual os medios, os recursos e os apoios necesarios que faciliten a súa participación no mercado laboral da súa comunidade da mesma maneira que o resto de cidadáns e cidadás, favorecendo, deste xeito, a súa incorporación ou a súa estabilidade laboral e, de forma máis extensa, a súa inclusión social.

Avalada polos seus bos resultados, esta metodoloxía estase a consolidar como unha estupenda fórmula de inserción laboral para aqueles colectivos con máis dificultades á hora de atopar un traballo e supón unha alternativa idónea ás fórmulas de emprego protexido, baseadas nunha filosofía claramente asistencial e concibidas cun carácter instrumental e non como perpetradora do cambio nin como solución final ao problema.

Ir o contido