A modificación da Ley General de Derechos de las Personas con Discapacidad (1/2013) e da Ley de Promoción de la Autonomía Personal y Atención a las personas en situación de dependencia (39/2006) atópase en proceso de aprobación no Parlamento e, a pesar das críticas do movemento asociativo, o Goberno prevé a súa aprobación antes do verán.
Esta reforma, en palabras de Agustín Matía, director de Down España, “pretende ampliar servizos e modernizar o sistema de apoios, pero non garante dereitos clave para as persoas do colectivo pola falta de financiamento real, a posible perda de servizos de apoio ou a fenda territorial entre comunidades autónomas, xa que non establece un modelo estatal sólido”.
Para Matía, “trátase de leis que aínda son moi deficientes porque seguen dando prioridade a políticas asistenciais fronte a políticas de inclusión e, sen unha transformación máis profunda, as persoas con discapacidade intelectual non terán, por exemplo, garantido o seu dereito a un traballo digno”.
Neste sentido e con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down —21 de marzo—, Down España reclama unha revisión lexislativa máis ambiciosa, que fomente unha sociedade inclusiva e garanta o dereito ao emprego, á educación de calidade e a unha vida digna para as persoas do colectivo.
En España, só o 22% das persoas coa síndrome de Down teñen emprego e, delas, apenas o 10% traballa no mercado laboral ordinario. Na opinión de Matía, isto débese a “políticas de emprego mal orientadas e a recursos deseñados para a protección e non para a inclusión”.
No ámbito educativo, máis do 80% do alumnado do colectivo está escolarizado en centros ordinarios, pero segue enfrontándose a unha falta de inclusión real nas aulas que lles impide recibir un ensino axeitado que conte cos apoios e recursos necesarios.
É por iso que, con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, Down España reclama que as persoas do colectivo poidan ter a oportunidade de acceder a un traballo digno, recibir unha educación de calidade, que sexan tratadas con xustiza e que se fomente que poidan optar a unha vida o máis autónoma posible sen titorías e coa oportunidade de vivir e de equivocarse.
“Unha sociedade inclusiva respecta e asume as diferenzas como parte da diversidade humana, trata a todas as persoas por igual, cambia o seu funcionamento e dedica diñeiro e tempo para que isto sexa posible. Unha sociedade inclusiva non infantiliza ás persoas con discapacidade; respéctaas tal e como son, desde a infancia ata a idade adulta. Crear unha sociedade inclusiva é unha cuestión de xustiza, de crer en todo ser humano”, afirma Matía.
#NoSoyYoEresTú
Co obxectivo de interpelar á sociedade e ás Administracións Públicas e reivindicar respecto, xustiza e inclusión para as persoas do colectivo, Down España lanza a campaña #NoSoyYoEresTú.
Unha campaña que denuncia os prexuízos que a sociedade ten cara ás persoas coa síndrome de Down e que apela a un cambio de mirada que permita vencelos para ver que, detrás das persoas con esta discapacidade intelectual, tamén hai unha persoa traballadora eficaz, un estudante que se esforza en aprender, un paciente preocupado pola súa saúde ou unha persoa que necesita o seu espazo de intimidade e afectividade… exactamente igual que calquera outra persoa.
#NoSoyYoEresTú xira arredor de catro conceptos: “dificultade”, “impedimento”, “limitación” e “problema”. Catro conceptos que pretenden mostrar “as limitacións, impedimentos, dificultades e problemas” que a sociedade impón ás persoas coa síndrome de Down e que constrúen barreiras que impiden o desenvolvemento óptimo das súas capacidades e non facilitan a súa verdadeira inclusión.
A campaña, creada pola axencia BBDO Contrapunto e producida por CONTRARIO, interpela a pais e nais, a empresas e compañeiros e compañeiras de traballo, ao profesorado e á opinión pública en xeral para facelos reflexionar sobre a necesidade de respectar o dereito das persoas coa síndrome de Down a decidir sobre a súa propia vida, vivir a súa intimidade e participar en igualdade de condicións no ámbito profesional e escolar.
Con #NoSoyYoEresTú, Down España quere reivindicar o dereito das persoas coa síndrome de Down a ter un traballo digno, unha educación de calidade en contornas inclusivas e a vivir de maneira autónoma, sen a carga da infantilización ou da sobreprotección.
A campaña componse de catro spots, protagonizados por Sara, Carlos, Ana e Martín, que amosan situacións cotiás relacionadas co emprego, a educación, a infantilización e a vida independente e que denuncian que “ter síndrome de Down non é un problema, o problema telo ti se pensas o contrario”.
En palabras de Agustín Matía, “se entendemos e vemos a discapacidade só como un problema, non imos avanzar como sociedade. Se nos centramos na discapacidade e non na persoa, non vemos o ser humano que hai detrás. A discapacidade non define totalmente a unha persoa nin a súa vida. O que facemos coas nosas vidas, o que construímos, é o que verdadeiramente nos determina”.
“No caso da síndrome de Down non pedimos que se esqueza que son persoas que necesitan apoios, recursos e acompañamento, senón un cambio de mirada e de expectativas que implique a toda a sociedade e aos gobernos. A autonomía non depende só da vontade individual, senón do contorno, de políticas de emprego con apoio, dun sistema educativo que ofreza unha aprendizaxe real e axeitada ás necesidades de todo o alumnado e de estruturas que deixen de separar”, conclúe Matía.
#NoSoyYoEresTú nos medios e nas redes sociais
Un ano máis, Down España pide á opinión pública que se sume á campaña polo Día Mundial da Síndrome de Down, esixa e participe na construción dunha sociedade verdadeiramente inclusiva que respecte e apoie ás persoas do colectivo.
A partir do 9 de marzo a campaña emitirase nas televisións e radios nacionais, autonómicas e locais e poderá verse en numerosos soportes grazas á colaboración de axencias de publicidade exterior.
Vídeos #NoSoyYoEresTú