O Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e pola asociación Down Lugo para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down e o 30 aniversario da entidade lucense. Nun acto que mesturou unha parte institucional con actuacións musicais e de teatro, as persoas coa síndrome de Down foron as verdadeiras protagonistas, poñendo de manifesto, entre outras moitas cousas, que merecen as mesmas oportunidades que as demais, e reclamando, un ano máis, os seus dereitos.
Foron doce as persoas encargadas de dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, usuarias de Down Lugo e membros da sociedade lucense, dando así voz a todo o colectivo e facendo fincapé en que as persoas coa síndrome de Down, coma calquera outra, queren vivir a vida que elas mesmas elixan.
Fátima, Carla, Alba, Saúl, Marcos, Lucía, Área, Nazaret, Maruxa, Eduardo, Uxía e Iria demandaron ante todo o auditorio que “un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Temos dereito a participar, a sentirnos parte da nosa comunidade, a que se nos trate coma persoas adultas e a facer algo máis que fotocopias nos nosos traballos”. Pero tamén quixeron reivindicar que queren “tomar as nosas propias decisións. Que nos deixen equivocarnos. E ser persoas autónomas e independentes. Estamos cansos de que pensen por nós, de que nos etiqueten, e de todos os prexuízos que existen sobre as persoas coa síndrome de Down”.
No acto, que levaba por título “21/3 Rodando a Vida” tamén interviñeron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz; o deputado responsable da área de promoción económica e social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; a presidenta de Down Lugo, María José Blanco Freire; e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González.
A presidenta de Down Lugo, María José Blanco, comezou a súa intervención agradecendo a asistencia de tódalas persoas alí presentes e destacando o percorrido da entidade que preside durante os seus 30 anos de existencia: “É imposible non sentir orgullo por todo o conseguido. Desde aqueles primeiros pasos dados por un grupo de nais e pais valentes, ata a realidade actual da nosa asociación: un espazo de apoio, de autonomía, onde cada persoa pode desenvolverse plenamente e ver respectados os seus desexos e opinións”. Así mesmo, Blanco quixo resaltar que “a inclusión non é só responsabilidade das entidades Down. É un compromiso de todos e todas. Das administracións, que deben garantir políticas públicas que eliminen barreiras e fomenten a igualdade de oportunidades. Das empresas, que deben apostar por modelos de emprego inclusivo. Dos colexios, que constrúen sociedades máis xustas e respectuosas. E, por suposto, de cada unha e cada un de nós”. Para finalizar, a presidenta de Down Lugo quixo agradecer a todas as persoas que loitaron a prol da inclusión durante todos estes anos, recordando que “unha sociedade inclusiva non é un regalo, senón un dereito”.
O presidente de Down Galicia, pola súa parte, quixo comezar a súa intervención felicitando a Down Lugo polo seu 30 aniversario e poñendo en valor “o gran traballo e o camiño percorrido nestas tres décadas”. Delmiro Prieto continuou o seu discurso poñendo de manifesto o moito que a sociedade avanzou nestes 30 últimos anos, pero destacou que “non se debe deixar de poñer o foco no moito que nos queda por avanzar porque o obxectivo non pode ser outro que chegar a conseguir a normalización das persoas coa síndrome de Down”. O presidente da Federación quixo facer fincapé na campaña lanzada este ano pola Federación Down España, na que se exemplifica perfectamente “as barreiras que a sociedade impón, moitas veces de xeito insconsciente, ás persoas coa síndrome de Down”. Prieto concluíu incidindo en que “o máis importante é cambiar a mirada e non poñer límites ás súas capacidades porque é o único camiño para que poidan levar a vida que elas mesmas escollan”.
Ademais das intervencións das autoridades presentes, as persoas asistentes a este acto puideron desfrutar dun evento único, cheo de propostas diferentes. Este acto central, aberto a toda a cidadanía e concibido como un espazo de encontro e reivindicación colectiva, foi conducido pola Compañía de Teatro Down Lugo e o alumnado da Escola Palimoco Teatro Danza e combinou a parte institucional con outra máis lúdica.
O auditorio converteuse nun cine improvisado, homenaxeando ás salas que existían na cidade de Lugo en 1996, ano no que se crea Down Lugo, e facendo un guiño aos Premios Mestre Mateo que se entregan na cidade esta mesma noite.
Así mesmo, intercaladas entre o resto da programación, as persoas alí presentes puideron desfrutar tamén das actuacións de MJ Pérez, unha das voces do panorama actual da música galega e gañadora de múltiples premios, e de Abraham Cupeiro, artista lucense recoñecido internacionalmente pola súa capacidade para recuperar e reinterpretar instrumentos ancestrais.
Premios Down Galicia
A Federación Down Galicia entregou nesta ocasión os XI Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.
O premio na categoría institucional foille outorgado á Universidade de Santiago de Compostela, pola súa colaboración institucional a través do desenvolvemento de diferentes programas formativos levados a cabo en distintas facultades do Campus de Lugo nos que participaron numerosas persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón recaeu en Alejandro Méndez Lázare, chef do restaurante “Os Cachivaches”, pola súa colaboración desinteresada con Down Lugo a través do desenvolvemento de diferentes actividades formativas no ámbito da autonomía doméstica e da organización da gala gastronómica solidaria “10 raziones”.
O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.