Down Lugo da comezo ao verán cunha fin de semana de desconexión en O Grove

Como marca a tradición, os mozos e mozas de Down Lugo quixeron darlle a benvida ao verán cunha escapada á costa. O Grove foi o destino elixido para pasar uns días de diversión e convivencia.

Deste xeito, do 26 ao 28 de xuño, un grupo da asociación desprazouse ata esta zona da costa pontevedresa para desconectar da rutina. Despois de planificar e ter en conta tódolos aspectos necesarios para a organización desta viaxe, o venres chegaron ao cámping no que se aloxarían durante os tres días e aproveitaron a xornada para desfrutar do bo tempo na praia.

O sábado comezou cunha visita á vila do Grove, á que chegaron en autobús, onde puideron coñecer o lugar cun bo paseo e gozar da súa rica gastronomía. Tamén visitaron a Illa da Toxa, na que aproveitaron para facer moitas actividades, como probar as bicicletas turísticas, ir á Aldea dos Grobits e, como o día anterior, darse uns refrescantes baños na praia.

O domingo tocou volver para casa. Pero antes de poñer fin a esta viaxe, pasaron a mañá na piscina do cámping e, posteriormente, fixeron unha parada en Friol, onde estaban celebrando as Olimpíadas Rurais e puideron desfrutar dun animado concerto.

E así rematou unha fin de semana inesquecible onde, ademais de compartir todas estas experiencias, puideron gozar do tempo xuntos e compartir vivencias nuns días diferentes.

Ir o contido