Down Vigo deseña parte do novo equipamento do Club Voleibol Xuvenil de Teis

Hai xa uns meses que Down Vigo e o Club Voleibol Xuvenil de Teis cruzaron os seus camiños para iniciar unha colaboración entre ambas as entidades.

Así, o pasado mes de xuño, un grupo de nenos, nenas, mozos e mozas da área de autonomía da entidade Down desprazáronse ao pavillón de Teis para asistir a unha sesión deportiva xunto ao club de voleibol. Os dez participantes de Down Vigo uníronse ás seis do Xuvenil para este adestramento conxunto, despois dunha primeira sesión hai unhas semanas no pavillón de O Berbés.

Pero esta iniciativa vai moito máis alá de achegar o deporte do voleibol ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, xa que o Xuvenil contactou coa asociación para ofrecer a posibilidade de que Down Vigo deseñase unha nova camiseta, que formará parte do seu equipamento oficial para a próxima tempada. Ademais de patrocinadores e logotipos, esta camiseta incluirá na parte traseira 25 debuxos elaborados por 25 persoas da área de autonomía da entidade Down.

O obxectivo desta colaboración é a inclusión das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en todas as esferas da sociedade, e ese é o compromiso que o club de Teis adquiriu para esta tempada, na que irán desenvolvendo novas actividades conxuntas, alén de intentar manter os adestramentos conxuntos durante todo o ano.

Desde Down Galicia agradecemos ao Club Voleibol Xuvenil Teis o seu compromiso activo coa inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades. Sen dúbida, unindo forzas créase unha sociedade mellor.

Ir o contido