A programación multinivel é unha estratexia educativa inclusiva que permite que cada alumno e alumna encontre actividades acordes ao seu nivel de competencia curricular, e estas lle permitan o progreso e implicación de maneira personalizada. Debemos pensar en avaliacións iniciais dun nivel sinxelo, apto para todo o alumnado, que irán aumentando en complexidade. Desta maneira, a persoa docente vai ollando como os nenos e nenas están desempeñando a tarefa máis sinxela e, á súa vez, van tomando decisións para superar o desafío dos seguintes niveis.
Partimos de tres principios clave:
- Personalización, axustando a aprendizaxe a todos e cada un dos alumnos e alumnas que forman a clase.
- Flexibilidade, permitindo que os alumnos e alumnas poidan moverse en diferentes niveis independentemente do que, en principio, parecía o máis adecuado.
- Inclusión, porque permite que todo o alumnado traballe sobre unha mesma base curricular.
Para levar a cabo a programación multinivel podemos expoñer as seguintes fases:
1ª Fase
Escollemos os conceptos subxacentes, aquilo que realmente queremos que aprenda o noso alumnado.
Planeamos obxectivos, criterios de avaliación, etc. Así decidimos cales son as ideas clave e básicas da unidade didáctica que imos deseñar.
Deseñamos contidos alternativos, curriculares, enriquecidos para todo o alumnado, que lle posibilite diferentes eleccións para adquirir o concepto subxacente.
Abrir a posibilidade de incorporar contidos personalizados para aumentar a motivación.
2ª Fase
Eliximos as canles, medios, estilos e métodos de presentación dos contidos ao alumnado.
Prestamos especial atención ás barreiras.
3ª Fase
Determinación dos métodos de práctica do alumnado.
4ª Fase
Determinación dos métodos e instrumentos de avaliación e observación de progresos.
5ª Fase
Revisión da coherencia do conxunto da programación.
Máis información
- Arnaiz, Pilar. (2003). Educación inclusiva: una escuela para todos. Málaga: Editorial Aljibe.
- Arnaiz, Pilar. (2005). Atención a la diversidad. Programación curricular. San José: Editorial Universidad Estatal a Distancia (EUNED).
- García-Pérez, J.B. (2018) Inclusión, metodologías, metodologías activas
- Ruiz, R. (2007). Procedimientos de evaluación y planificación multinivel y personalizada del currículo en el aula inclusiva en Bonals, J. & Sánchez Cano, M. Manual de asesoramiento psicopedagógico. (Barcelona) Graó.