PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
SERVIZO DE INCLUSIÓN EDUCATIVA
CONCEPTOS CLAVE NOS QUE SE FUNDAMENTA O NOSO SERVIZO
Down Galicia aposta por un cambio de paradigma que se centra nas seguintes premisas:
- A discapacidade dunha persoa resulta da interacción entre a persoa e o ambiente no que vive
- Unha visión transformada do que constitúen as posibilidades de vida das persoas con discapacidade, que supón salientar a autonomía, a inclusión, a igualdade de oportunidades e as capacidades
- A importancia dun sistema de apoios na mellora do funcionamento humano e a calidade de vida
- Unha aproximación á discapacidade sen ter en conta os seus diagnósticos clínicos, focalizada nas condutas funcionais e nas necesidades de apoio das persoas
- A discapacidade como construción social, na que sexa necesario que todos os membros da sociedade asuman responsabilidade e implicación na procura da xustiza social
- Unha interconexión do concepto de calidade de vida co de mellora da calidade na prestación de servizos desde todos os ámbitos da vida (saúde, educación, emprego, cultura, familia, vivenda, etc.)
O concepto de discapacidade
Na actualidade a discapacidade enténdese desde unha perspectiva ecolóxica (é dicir, desde a interacción persoa-ambiente). A OMS (Bradley, 1995; OMS, 1997) define a discapacidade como resultado da interacción entre a discapacidade dunha persoa e as variables ambientais que inclúen o ambiente físico, as situacións sociais e os recursos.
Na mesma liña, o Instituto de Medicina (1991) suxire que as limitacións dunha persoa convértense en discapacidade só como consecuencia da interacción da persoa cun ambiente que non lle proporciona o adecuado apoio para reducir as súas limitacións funcionais.
Esta perspectiva resalta a importancia de centrarse tanto sobre as condutas funcionais como nos apoios, o que implica que dispor dun sistema de apoios adecuados ao longo dun período de tempo mellorará a vida dunha persoa.
O modelo de calidade de vida
Calidade de vida é o conxunto de todo aquilo que é propio do ser humano.
Unha mellor calidade de vida implica unha presenza activa e elevada das propiedades intrinsecamente humanas, tales como: comunicación (non só linguaxe oral), ser actor da propia existencia e do contexto, ter capacidade para regular aos outros seres humanos e aceptar ser regulado por eles, autogoberno, capacidades de elección e decisión, construción social e cultural das persoas, flexibilidade de acción e pensamento, necesidade da interacción social, ter emoción compartida, conciencia, espiritualidade, etc.
Principios esenciais para unha vida de calidade:
- A calidade de vida para as persoas con discapacidade se compón dos mesmos factores e relacións que para o resto das persoas
- A calidade de vida mellórase cando as persoas perciben que teñen poder para participar en decisións que afectan ás súas vidas
- A calidade de vida aumenta mediante a aceptación e plena integración da persoa na súa comunidade. O respecto a cada persoa, con independencia da discapacidade ou trastorno que presente, é un factor esencial na percepción de calidade da vida
- Unha persoa experimenta calidade de vida cando se cumpren as súas necesidades básicas e cando ten as mesmas oportunidades que os demais para perseguir e lograr metas nos contextos de vida principais, como son o fogar, a comunidade, a escola e o traballo
O modelo proposto por Schalock expón oito dimensións centrais que constitúen unha vida de calidade: Benestar emocional, Relacións interpersoais, Benestar material, Desenvolvemento persoal, Benestar físico, Autodeterminación, Inclusión social e Dereitos.
A importancia dos apoios
A educación inclusiva baséase nunha concepción humanista da educación que se centra na perspectiva dos Dereitos Humanos e da xustiza social. O modelo social no que se move a educación inclusiva fala de eliminar barreiras para crear contextos acolledores e seguros para todo o alumnado. A educación inclusiva considera que os apoios son unha ferramenta clave para a calidade de vida das persoas e supoñen a estratexia que mellora o funcionamento humano. Os apoios ofrecen a oportunidade de reducir e/ou eliminar a discrepancia entre as habilidades dunha persoa e as demandas do contexto.
Apoio son todas aquelas actuacións e actividades que o ou a docente, ou calquera outro membro da comunidade educativa, poida realizar para dar unha resposta inclusiva a todo o alumnado, de maneira que lle permita mellorar a súa participación tanto na aula, como no contexto educativo e social. O apoio é ademais colaborar, construír xuntos partindo da capacidade, axustar o contexto e traballar entre iguais coa finalidade de eliminar barreiras.
En conclusión, o apoio é un facilitador, unha ponte entre “o que é” e “o que pode ser”, entre a realidade e o desexo. Prestar un apoio desde o respecto, de igual a igual, dignifica á persoa; facelo desde a desigualdade, como unha axuda que deseñamos, considerando unicamente unha perspectiva asistencial e sen ter en conta á propia persoa e as barreiras que o limitan, poden chegar a estigmatizar, invisibilizar e oprimir.
Individualización vs. Personalización
A individualización fai referencia ao apoio a cada alumna ou alumno concreto, á adecuación da ensinanza á persoa en particular, ao seu diagnóstico e tratamento de necesidades singulares dende unha perspectiva terapéutica, aos apoios desenvolvidos só para esa persoa… Desta forma individualízase a ensinanza, pero non a aprendizaxe, xa que illamos e medimos dende propostas de estruturas de aprendizaxe estandarizadas e volvemos a reproducir o mesmo esquema polo que o alumno ou alumna foi “diagnosticada” como necesitada de apoio.
Pola contra, a personalización consiste na adaptación ás distintas realidades das alumnas e dos alumnos do sistema educativo, considerando os diferentes contextos, así coma as súas potencialidades, o seu desenvolvemento, os seus ritmos, os seus estilos e as súas particulares formas de aprender. Neste modelo as alumnas e alumnos son tomados coma individuos únicos, centrándose no proceso de aprendizaxe e permitindo experiencias educativas.
Máis información:
“El concepto de calidad de vida en los servicios y apoyos para personas con discapacidad intelectual”. Robert I., Schalock y Miguel Ángel Verdugo. Hustings College, EEUU y Universidad de Salamanca – INICO (2007)
VII Seminario de Actualización Metodológica en Investigación sobre Discapacidad SAID. Miguel Ángel Verdugo, Manuela Crespo, Teresa Nieto (2010)
“Hacia una nueva concepción de la discapacidad”. Dr. Robert L. Schalock. III Jornadas Científicas de Investigación sobre Personas con Discapacidad Universidad de Salamanca, España (1999)