O pasado 11 de maio, o bispo emérito de Alcalá de Henares, Juan Antonio Reig Pla, afirmou nunha homilía celebrada na Basílica da Anunciación de Alba de Tormes (Salamanca) que “a discapacidade é herdanza do pecado e da desorde da natureza”. Desde o Movemento Down en Galicia queremos manifestar o noso máis absoluto rexeitamento a estas declaracións, que consideramos profundamente ofensivas, discriminatorias e inaceptables nunha sociedade que traballa activamente pola igualdade, a inclusión e o respecto á diversidade.
Vincular a discapacidade cunha suposta culpa moral ou cun desorde natural non só perpetúa estigmas superados, senón que supón un retroceso nos dereitos e na dignidade de millóns de persoas. A discapacidade non é un castigo nin unha consecuencia de pecados individuais ou colectivos, senón unha realidade humana que forma parte da riqueza diversa da nosa sociedade. Todas as persoas, con ou sen discapacidade, posúen dignidade, dereitos fundamentais e capacidades únicas que deben ser recoñecidas e respectadas. Mensaxes como o pronunciado polo bispo Reig Pla reforzan visións excluíntes e prexuízos históricos que tanto dano causaron ao longo do tempo ás persoas con discapacidade.
Por todo isto, esiximos unha rectificación pública e clara por parte do señor Reig Pla, así como unha resposta firme e comprometida por parte da Conferencia Episcopal. A Igrexa non pode permanecer en silencio ante manifestacións que vulneran a dignidade de tantas persoas. É imprescindible avanzar cara a unha sociedade máis xusta, na que a diversidade se entenda como unha riqueza colectiva e as persoas con discapacidade sexan plenamente recoñecidas como suxeitos de dereitos, con dignidade e capacidades propias, libres de toda culpa ou discriminación herdada.
Actuación institucional ante a Fiscalía Xeral do Estado
Down Galicia súmase ás numerosas entidades do Estado que manifestaron o seu rexeitamento a estas declaracións. Entre elas destaca a actuación da Dirección Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade, dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, que trasladou o caso á Fiscalía Xeral do Estado. A Dirección Xeral solicita que o Ministerio Fiscal estude a apertura de dilixencias ante o que considera “un discurso público e inaceptable en democracia, que asocia a discapacidade con postulados propios do medievo, e non cun factor de diversidade humana, presente e comprobado en calquera sociedade”. Neste contexto, expón que as palabras do bispo poderían estar tipificadas no artigo 510.2 do Código Penal.
Do mesmo xeito, a Oficina de Atención á Discapacidade, dependente da mesma Dirección Xeral, abriu un expediente informativo sobre os feitos e solicitou á Conferencia Episcopal que explique publicamente estas descualificacións e que medidas tomará para evitar que se repitan mensaxes similares no futuro.
Por último, tamén se remitiu unha queixa formal ao Defensor do Pobo para que estude estas manifestacións, pola súa posible vulneración dos dereitos fundamentais das persoas con discapacidade.
Desde Down Galicia seguiremos defendendo unha sociedade inclusiva, libre de estigmas, na que se recoñeza e valore a dignidade de todas as persoas, sen excepcións.