A Fundación Ibercaja respalda o proxecto de Emprego Con Apoio de Down Galicia

 

A Fundación Ibercaja, a través da súa Convocatoria 2024 de Proxectos Sociais, achegou 2.500 euros ao proxecto “Emprego con Apoio: Talento profesional de persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que a Federación Down Galicia desenvolve nos seus 7 centros de atención situados nas principais cidades galegas: Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Esta contribución económica contribuíu ao desenvolvemento deste proxecto no segundo semestre de 2024, no que participaron 35 persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais durante o ano pasado. Así, 12 persoas usuarias das entidades membro da Federación que se atopaban en busca activa de emprego contaron con apoios para facilitar a súa inclusión socio-laboral. Entre tanto, pola súa parte, 23 persoas que estaban a desempeñar un posto de traballo en empresas ordinarias recibiron o soporte dun profesional para o mantemento dese emprego.

Durante os últimos seis meses do ano que vén de finalizar, das 35 persoas participantes, 7 que estaban desempregadas asinaron un contrato, polo que grazas ao proxecto obtiveron unha oportunidade laboral. En canto ás contratacións laborais, a maioría son a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e dun proxecto de vida. Continuando coa liña de anos anteriores, os sectores que concentran o maior número de contratos asinados son o sector servizos, o comercio, a industria, e o turismo e hostalaría.

O proxecto impacta de xeito moi positivo na calidade de vida das persoas usuarias, xa que lles permite adquirir responsabilidades e unha autoestima fundamental para levar a cabo unha vida o máis normalizada posible. Grazas a el, varias persoas usuarias obtiveron a súa primeira ou unha nova experiencia laboral, e outras puideron realizar formación práctica nun contorno de traballo, mellorando así as súas posibilidades de empregabilidade.

 

Ir o contido