A Fundación Down Compostela e Miranza Instituto Gómez-Ulla acaban de formalizar un acordo de colaboración para mellorar a saúde visual das máis de 100 persoas con discapacidade que forman parte da entidade. O acordo de colaboración foi asinado nas instalacións da clínica de man do seu director xerente, Javier Gómez-Ulla, e do presidente da Fundación, Juan Martínez.
Este acordo converte así a Miranza Instituto Gómez-Ulla no centro de referencia para as persoas asociadas a Down Compostela en todo o relacionado co coidado da visión. Desde a clínica farase o seguimento ocular de todas elas, con avaliacións oftalmolóxicas periódicas, tratamentos especializados e programas de sensibilización e formación para pacientes e familiares, a través de condicións vantaxosas para os asociados. As persoas con discapacidade usuarias da Fundación que acudan ao Instituto Gómez-Ulla poderán contar cun desconto do 20% nas revisións oftalmolóxicas.
“Miranza Instituto Gómez-Ulla ponse ao servizo das necesidades de Down Compostela para ofrecer a mellor atención ocular ás máis de 100 familias que actualmente teñen no seu seo unha persoa coa síndrome de Down na área de influencia de Santiago de Compostela. Os nosos especialistas traballarán en colaboración coa Fundación para identificar e tratar as afeccións oculares máis comúns neste colectivo e garantir así a mellora da calidade de visión”, explica Javier Gómez-Ulla.
O presidente de Down Compostela, Juan Martinez, sinala que este convenio «permítenos poñer ao dispor das persoas con discapacidade da Fundación un centro de referencia para coidar a súa saúde visual, conscientes de que as familias que desexen acudir van atopar en Miranza Instituto Gómez-Ulla a profesionais de recoñecido prestixio e os tratamentos máis innovadores”.
Juan Martínez considera que o acordo será beneficioso tamén para ambas as entidades. “Desde a Fundación trasladaremos aos doutores do instituto os coñecementos adquiridos nos nosos 27 anos de experiencia para que o trato médico-paciente sexa máis efectivo e normalizador. Ao mesmo tempo, os nosos profesionais poderán recibir pautas para detectar precozmente problemas visuais e coñecer técnicas que melloren a intervención que facemos habitualmente en Down Compostela con persoas que teñen problemas de visión”, engade.
O impacto da síndrome de Down na visión
Son varias as patoloxías que aparecen con maior frecuencia nas persoas coa síndrome de Down. Estas pódense clasificar en defectos refractivos, trastornos da motilidade ocular, catarata e un cuarto grupo, máis heteroxéneo, que incluiría diversas patoloxías menos prevalentes.
Dentro das ametropías, inclúense miopía, hipermetropía e astigmatismo, e nos trastornos da motilidade ocular destacan o estrabismo e o nistagmus. As cataratas son tamén frecuentes na síndrome de Down presentando características diferentes segundo a idade á que se manifestan.
No referente a patoloxías menos prevalentes cabe citar a blefaritis, as fístulas e obstrucións lagrimais, o queratocono e a patoloxía retiniana.
Entre un 60 e un 70 % de persoas coa síndrome de Down presenta ao longo da súa vida algún problema de visión susceptible de tratamento ou intervención. Os pacientes coa síndrome de Down deben realizar a primeira visita ao oftalmólogo durante os tres primeiros meses de vida, para descartar a presenza dunha catarata conxénita, que na maioría das ocasións require unha actuación inmediata. Se non se detecta ningunha patoloxía ocular, a seguinte revisión realizaríase aos dous anos e medio, con seguimentos oftalmolóxicos anuais a partir dese momento durante toda a vida.
Desde Miranza Instituto Gómez-Ulla lémbrase que nas revisións pediátricas débese poñer especial atención á agudeza visual, a presenza de catarata, a motilidade ocular extrínseca e os defectos refractivos. Nos adultos, ademais da exploración da agudeza visual, debe realizarse unha biomicroscopía completa, en busca de patoloxía palpebral, corneal ou cristaliniana.
Os exames visuais a pacientes coa síndrome de Down débense realizar de forma periódica para comprobar a correcta saúde visual. Estas revisións permitirán corrixir de maneira temperá calquera déficit a nivel ocular, garantindo que calquera persoa coa síndrome de Down teña unha saúde visual óptima.