Membros do servizo de formación de Down Vigo publican o podcast ‘Y tú… ¿en qué trabajas?’

 

  • Unha vez ao mes, os grupos participantes entrevistan a un profesional de diferentes sectores laborais
  • Durante esta primeira tempada, conversaron con persoal de limpeza, hostalería, enfermería, educación, artesanía, adestramento canino e psicoloxía
  • Os sete episodios están dispoñibles en Spotify Ivoox 

 

Estades á procura de alternativas de ocio para desfrutar durante as vosas vacacións? Pois que saibades que estades de sorte, porque os membros do servizo de formación da asociación Down Vigo levan varios meses traballando no seu podcast ‘Y tú… ¿en qué trabajas?’, que está a piques de finalizar a súa primeira tempada.

Este novo proxecto é un espazo para fomentar as habilidades comunicativas e o uso das novas tecnoloxías, todo iso aplicado á contorna laboral. A través de entrevistas con profesionais de diferentes sectores, os mozos e mozas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais poden coñecer como é traballar na empresa ordinaria.

Para preparar cada episodio, realízase un traballo de investigación na entidade: en que consiste o posto, que empresas da contorna se dedican a ese sector, que habilidades hai que demostrar para traballar… Posteriormente, deséñase a entrevista cunha batería de preguntas que serven de guía, aínda que o ideal é que a conversación flúa de maneira espontánea e cada persoa vaia preguntando segundo os seus intereses. Por último, grávase o episodio, unha vez cada grupo.

En total publicáronse sete episodios, cunha periodicidade mensual, nos que conversaron con persoal de limpeza, hostalería, enfermería, educación, artesanía, adestramento canino e psicoloxía. Todos os episodios están dispoñibles nas plataformas en liña Spotify e Ivoox.

O podcast ‘Y tú… ¿en qué trabajas?’ forma parte do proxecto de gamificación de Down Vigo, desenvolto por Olga Álvarez no servizo de formación. A gamificación é unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica lúdica dos xogos aos ámbitos educativo e profesional. O obxectivo é que a aprendizaxe sexa significativa e, por tanto, se absorban mellor algúns coñecementos ou se asimile de forma máis efectiva algunha habilidade.

Ir o contido