Down Compostela e Down Vigo participan no X Campionato Baristas Down

 

Dezaseis mozos e mozas da Fundación Down Compostela e da Asociación Down Vigo participaron onte no X Campionato Barista Down de Galicia, organizado pola empresa Cafento.

A décima edición desta cita presentou un formato novo con respecto a anos anteriores. Os baristas, repartidos en tres equipos, prepararon distintas elaboracións de café utilizando varios tipos de cafeteiras que, xunto coa súa destreza e habilidade á hora de realizar o exercicio, foron puntuados por un xurado especializado.

Os premios repartíronse da seguinte forma:

  • Premio a mellor elaboración para o equipo Etiopía, formado por Carlos Ballesteros, Elena Zas, Berta Coroado, Sofía Fernández, David e Adrián.
  • Premio ao mellor café filtrado para o equipo Guatemala, composto por Amanda Castillo, Raquel Suárez, Daniel López, Diego Pérez e Magdalena Rial.
  • Premio ao mellor servizo para o equipo Quenia, integrado por Patricia Puente, Javier Prieto, Dani Pombo, Pedro Cores e Daniel López.

O evento, celebrado na Cidade da Cultura, tivo entre os seus invitados ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; á Conselleira de Política Social, Fabiola García; ao presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; ao presidente de Down Compostela; Juan Martínez; e ao xerente de Down Vigo, Roberto Campo.

 

Sobre os Campionatos Baristas Down

Os Campionatos Baristas Down son unha iniciativa pioneira no mundo da empresa cafeteira Cafento, que consiste en levar as competicións entre profesionais expertos na cultura do café de calidade ás persoas coa síndrome de Down.

O primeiro Campionato Barista Down desenvolveuse en Galicia no ano 2012, co obxectivo de visibilizar o traballo das persoas con síndrome de Down e as súas posibilidades de integrarse no mercado laboral como baristas. A partir deste intre, celebráronse ao longo da xeografía española diversos Campionatos Baristas Down, entre os que destacan os de Asturias, Andalucía, Comunidade Valenciana e Región de Murcia.

Grazas a estes certames, máis dun centenar de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de toda España puideron formarse como especialistas no mundo do café. Pero máis aló de pretender contribuír á inserción laboral, e a consecuente autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, os Campionatos Baristas Down queren ser unha oportunidade para visibilizar a este colectivo como persoas perfectamente capaces.

Ir o contido