A inicios da pasada semana, a asociación Down Vigo e a Autoridade Portuaria da cidade olívica renovaron o convenio de colaboración que ten por obxecto facer posible que as persoas usuarias do servizo de Emprego con Apoio da entidade Down poidan realizar prácticas formativas nas dependencias da Autoridade Portuaria.
Desta forma, facilítase a súa formación continua e mellora a súa empregabilidade á hora de acceder a un posto de traballo na empresa ordinaria.
Grazas á sinatura deste documento, Antón Nores está a realizar prácticas como auxiliar administrativo nas instalacións que a Autoridade Portuaria de Vigo ten en O Berbés. Estas prácticas formativas teñen unha duración inicial de seis meses.
Ao acto de sinatura do acordo, que se inclúe dentro dun convenio marco de catro anos de duración, asistiron Carlos Botana, Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Beatriz Colunga, Directora da Autoridade Portuaria de Vigo; Dorinda Conde, Responsable de Recursos Humanos; José Manuel García, Presidente de Down Vigo; Roberto Campo, Director Xerente de Down Vigo; Olalla González; preparadora laboral de Down Vigo; e Antón Nores, participante do servizo de emprego da entidade.
Desde Down Vigo quixeron agradecer á Autoridade Portuaria o seu “compromiso”, indicando que “durante este tempo foron un exemplo para que empresas públicas e privadas abran as súas portas a persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e confíen na metodoloxía do Emprego con Apoio”.