Down Vigo estrea a súa obra de teatro musical ‘A maxia da cor’

A sinestesia é un fenómeno neurolóxico e perceptivo que fai que dous sentidos se mesturen. Desta forma, as persoas poden escoitar cores ou ver sons. Con esta premisa, a asociación Down Vigo puxo o pasado 30 de abril as emocións do público a flor de pel coa estrea da obra de teatro musical “A maxia da cor”.

A cita foi no Auditorio Municipal do Concello de Vigo onde, durante aproximadamente unha hora e media, as case 50 persoas de todas as idades que asisten ao servizo de Musicoterapia actuaron para un público disposto a deixarse sorprender.

Esta obra celebra as distintas formas de percibir o mundo, e abraza todas elas coa mesma intensidade. Iso é inclusión: entender que cada persoa ten un sentir diferente e que cando unimos os puntos de vista de todas, o resultado é asombroso: A MAXIA DA COR.

Desde hai meses, a entidade prepara este evento escenográfico no que as emocións son o fío condutor dunha secuencia de escenas protagonizadas por persoas adultas e pequenas do servizo de Musicoterapia, así como por parte do equipo profesional da entidade. Para desenvolver a obra, Down Vigo contou co apoio da escola de baile DA Vigo e do fotógrafo Javier Lago.

Durante as sesións semanais, as persoas participantes deseñaron tanto o guión como a posta en escena, coordinados por Erick Alexander Corrente, técnico do servizo de Educativa. O resultado é a obra que representaron fronte a familiares, amizades e autoridades.

Este evento é a terceira representación teatral de Down Vigo. En 2023, A Maxia das Emocións marcou un antes e un despois na vida da entidade. As artes, as sensacións e os sons convertéronse nunha canle de expresión. De inquedanzas, de momentos vitais e de compañerismo. O resultado foi un auditorio rendido ao talento dos mozos e mozas que participaron na obra, e ao traballo de toda a plantilla de profesionais. Un evento escenográfico musical que xuntou técnica e cariño.

En 2024 chegou A Maxia da Vida para sacudir os corazóns. A todo o talento artístico engadíronse os ideais para converter as artes escénicas nun trampolín de traballo e talento e para que todo o público comprobase a profesionalidade e o pensamento crítico das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

 

Que é a Musicoterapia?

A Musicoterapia consiste no uso da música, así como todos os seus elementos, para mellorar a saúde mental e emocional das persoas. As principais técnicas que se empregan habitualmente nestas sesións son a experimentación, a composición, a recreación e a improvisación utilizando como principal canle sensorial o oído. Adaptando a intervención a cada persoa usuaria, pódense obter melloras a nivel físico, emocional e cognitivo.

A través da Musicoterapia, trabállase a disciplina, o desenvolvemento da linguaxe (foméntase a audición e a dicción), e o corpo (a través do baile). De forma transversal, axuda a estar en equilibrio coa contorna por ser unha forma de conseguir a plenitude como ser humano por medio das artes.

Ir o contido