Down Vigo recibe as chaves da súa nova sede no Casco Vello da cidade

Down Vigo e Zona Franca asinaron o pasado venres o acordo que formaliza a toma de posesión da nova sede da entidade Down no casco histórico da cidade. Ao acto institucional asistiron o delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; o presidente de Down Vigo, Francisco Xavier Aparicio; o vicepresidente da entidade, Iván Giráldez; así como o director xerente, Roberto Campo.

Foi un momento emocionante para todas as persoas alí presentes. Despois de dous anos de obras de rehabilitación, o vindeiro 8 de setembro Down Vigo retomará a súa actividade na Rúa Real, 27, en pleno casco vello da cidade olívica. A partir de entón, persoas usuarias, familias e profesionais da entidade poderán gozar de máis de 1.100 metros cadrados distribuídos en planta baixa e tres andares nunha das rúas máis emblemáticas da zona histórica da cidade. Máis espazo, máis calidade e máis visibilidade.

O presidente da entidade, Francisco Xavier Aparicio, quixo destacar o enorme impacto que implica esta mudanza en termos de inclusión social e comunitaria: «Unhas instalacións coma estas obrígannos a ser un centro de referencia para a cidade e para todas as entidades sociais».

O delegado especial do Estado para Zona Franca, David Regades, manifestou que «esta alianza con Down Vigo é un dos proxectos máis satisfactorios e a mostra de que o desenvolvemento económico non ten sentido sen desenvolvemento social».

Este proxecto non sería posible sen a valiosa achega de institucións públicas comprometidas, como Zona Franca, e sen o traballo de todas as persoas que forman e formaron parte da Xunta Directiva de Down Vigo durante estes anos; do cadro de persoal profesional que dá o mellor de si cada día; e das máis de 220 familias que conforman a entidade e que demostran que o movemento asociativo é imparable.

Ir o contido