Down Vigo inicia unha nova etapa coa apertura da súa nova sede no Casco Vello da cidade

Down Vigo comezou o curso cunha ilusión renovada coa apertura da súa nova sede na Rúa Real, 27, en pleno corazón do Casco Vello de Vigo. Tras dous anos de obras de rehabilitación, a entidade retomou onte 8 de setembro a súa actividade habitual nun espazo pensado para ofrecer máis calidade, máis visibilidade e mellores condicións ás persoas usuarias, ás familias e ao equipo profesional. O novo edificio, cedido pola Zona Franca, marca un antes e un despois na traxectoria da asociación, tanto polo seu valor simbólico como polo impacto social que representa.

O pasado 18 de xullo celebrouse o acto institucional de entrega do edificio, no que participaron o delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; o presidente de Down Vigo, Francisco Xavier Aparicio; o vicepresidente, Iván Giráldez; e o director xerente, Roberto Campo. O acordo formaliza a colaboración entre Zona Franca e Down Vigo para facer realidade un proxecto que é exemplo de cooperación entre o tecido económico e o social da cidade.

“Unhas instalacións coma estas obrígannos a ser un centro de referencia para Vigo e para todas as entidades sociais”, destacou Aparicio, quen subliñou tamén “o valor simbólico de estar no corazón da cidade, abríndonos á comunidade e facendo visible a inclusión cada día”.

Pola súa banda, David Regades sinalou que “esta alianza con Down Vigo é un dos proxectos máis satisfactorios da Zona Franca e demostra que o desenvolvemento económico non ten sentido sen desenvolvemento social”.

A nova sede conta con máis de 1.100 metros cadrados distribuídos en planta baixa e tres andares. O edificio foi completamente rehabilitado por Zona Franca, cun investimento próximo aos tres millóns de euros, e destaca pola súa accesibilidade, eficiencia enerxética e deseño luminoso. A planta baixa acolle a recepción e o proxecto dunha cafetería formativa, mentres que os andares superiores albergan aulas, espazos de atención temperá, áreas de formación e emprego, aulas multisensoriais e un auditorio para actividades comunitarias.

O inmoble, rehabilitado pola empresa Civis Global, forma parte do plan de recuperación do Casco Vello e representa tamén unha contribución á revitalización desta zona histórica. Con esta apertura, Down Vigo deixa atrás unhas instalacións que quedaran pequenas para atender ás máis de 200 familias da entidade e avanza cara a un modelo de centro aberto, moderno e participativo.

O novo edificio é, en palabras do seu presidente, “moito máis ca unha sede: é un espazo de encontro, de aprendizaxe e de futuro”. Un símbolo da forza do movemento asociativo e do compromiso compartido por institucións, profesionais e familias para seguir facendo de Vigo unha cidade máis inclusiva.

Ir o contido