Co inicio do outono tamén comeza a camiñar Lamandala en Vigo, un pequeno negocio artesanal impulsado por Magdalena “Maleni”, unha muller coa síndrome de Down membro de Down Vigo que decidiu dar un paso adiante e facer realidade o seu soño de emprender. O proxecto, situado no barrio de Coia, é unha mostra de ilusión, esforzo e compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual.
Lamandala ofrece caixas e kits de agasallo elaborados con produtos artesáns e de proximidade, pensados para todo tipo de ocasións. Cada detalle leva a marca persoal de Maleni, quen participa activamente en todo o proceso: desde o deseño das composicións ata a atención ao público e a xestión dos pedidos.
A súa inauguración, que tivo lugar o 24 de setembro, converteuse nun acto cheo de emoción, acompañado de familiares, amizades e representantes de Down Vigo, que quixeron arroupar a Maleni nun día tan especial.
A iniciativa xorde co apoio da súa familia e da entidade de Down Galicia, e ten como obxectivo ofrecer a Maleni unha oportunidade real de desenvolver o seu talento e potenciar a súa autonomía. Desde a asociación destacan que proxectos como Lamandala son exemplos claros de inclusión efectiva, nos que as persoas coa síndrome de Down poden demostrar as súas capacidades e contribuír de maneira plena á sociedade.
Lamandala non é só un negocio, senón tamén un símbolo de superación persoal e de compromiso coa diversidade. A través del, Maleni amosa que o emprendemento tamén é un camiño posible para as persoas con discapacidade intelectual, sempre que conten co apoio, os recursos e a confianza necesarios para avanzar.
Achégate a Lamandala
Maleni traballa no Centro Comercial Coia 4, no local 81. O seu recuncho espérate de luns a venres de 10:30 a 13:30, así coma as tardes e sábados se é a través de cita previa.