- Os presidentes de Down Vigo, Francisco Xabier Aparicio, e de Down Galicia, Delmiro Prieto, destacaron a importancia de visibilizar a loita pola inclusión desde o corazón da cidade
- O acto, inaugurado polo delegado especial do Estado para a Zona Franca, David Regades, contou tamén coa presenza de autoridades como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz
- Máis de cen persoas que asisten cada día á entidade, así como as súas familias, empresas colaboradoras e profesionais, puideron gozar dun aperitivo ao rematar o acto institucional
Máis dun centenar de persoas participaron na mañá do venres 31 de outubro na inauguración institucional da nova sede de Down Vigo no casco histórico da cidade. As persoas que acoden cada día á entidade, xunto coas súas familias, empresas colaboradoras e representantes das tres administracións —local, autonómica e estatal— celebraron a mudanza de Down Vigo ao centro da cidade, nun edificio adquirido e rehabilitado pola Zona Franca.
O acto comezou co corte simbólico da cinta inaugural, que supuxo o punto de partida dunha nova etapa no corazón da cidade. O vicepresidente de Down Vigo, Iván Giráldez, foi o encargado de facer os honores en representación de todas as persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual que, xunto coas súas familias, profesionais e empresas colaboradoras, fan posible cada día que a igualdade de oportunidades estea máis preto. Unha sede no corazón de Vigo suporá, sen dúbida, unha gran axuda en termos de visibilidade e participación activa no tecido social e industrial da cidade.
As intervencións institucionais correron a cargo do delegado especial do Estado para a Zona Franca, David Regades; o presidente de Down Vigo, Francisco Xabier Aparicio; o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Rematadas as intervencións, a representación institucional —que tamén contou coa presenza de alcaldes da comarca, do bispo da Diocese de Tui-Vigo, así como de organizacións empresariais e entidades sociais— tivo a oportunidade de coñecer as instalacións nunha visita guiada polo vicepresidente. O broche de ouro do evento foi un aperitivo que serviu para que todos e todas compartisen unha conversa distendida e intercambiasen impresións.
David Regades abriu as intervencións manifestando que “esta alianza con Down Vigo é un dos proxectos máis satisfactorios desenvolvidos como delegado na Zona Franca e a mostra de que o desenvolvemento económico non ten sentido sen desenvolvemento social”. Regades fixo un repaso por todas as iniciativas emprendidas polo Consorcio orientadas aos novos sectores industriais: a transformación dixital, a robótica, a biotecnoloxía ou a fotónica. “Todo iso é certo e, con todo, hoxe é un día no que celebramos a economía social, a economía das persoas, a do corazón e a da igualdade. É encher de vida este espazo e de compromiso social. E iso ten moitísimo sentido e moito que ver co que preconiza a economía europea, na que todos e todas formamos parte con distintas capacidades e formas de estar no mundo”, subliñou.
Na súa intervención, o alcalde Abel Caballero celebrou “que a nova sede se sitúe no lugar onde naceu Vigo” e destacou que as empresas son pezas clave para a integración laboral. Apostou porque non só as institucións públicas promovan espazos para a diversidade, “senón que tamén o faga o sector privado”. Precisamente, no acto inaugural había unha representación de empresas de toda Galicia que colaboran coas asociacións Down, especialmente en materia de integración laboral. “Vigo é economía —dixo o alcalde—, pero tamén integración social”, concluíu.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que definiu Vigo como “a cidade da diversidade”, insistiu “na transformación que supón para todas as persoas poder acceder a un emprego digno” e demandou valentía aos ámbitos público e privado para seguir avanzando nese camiño.
Máis de 1.100 metros cadrados no centro da cidade
O presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto, sinalou que todas as entidades do movemento Down “teñen un único e derradeiro obxectivo: a inclusión social e económica das persoas”. Tras dous anos de obras de rehabilitación, realizadas pola empresa Civis Global co proxecto do arquitecto Gabriel Santos, a asociación Down Vigo comezou a súa mudanza á nova sede o pasado mes de setembro.
Máis de 1.100 metros cadrados distribuídos en planta baixa e tres andares no casco histórico de Vigo que, para o presidente de Down Vigo, Francisco Xabier Aparicio, supoñen un enorme impacto en termos de visibilidade e inclusión. Máis de 220 familias forman parte de Down Vigo. “Estas non son unhas simples instalacións —afirmou—, son moito máis. Tamén son un logro para as familias, que son a base da asociación e levan anos loitando por un futuro igualitario. Unhas instalacións como estas obríganos a ser un centro de referencia para a cidade e para todas as entidades sociais”, concluíu.