Marcos incorpórase a MediaMarkt cun contrato indefinido

Marcos Cruz, participante do programa de Emprego con Apoio da asociación Down Lugo, asinou este mes de xuño un contrato indefinido como persoal base na tenda que MediaMarkt ten na cidade lucense, un importante paso na súa traxectoria laboral.

Esta incorporación foi posible grazas ao acompañamento realizado desde o programa de Emprego con Apoio de Down Lugo, así como ao convenio de colaboración que manteñen Down España e MediaMarkt, unha alianza orientada a impulsar oportunidades de emprego para persoas coa síndrome de Down en contornas laborais inclusivas.

Marcos conta co respaldo do preparador laboral da entidade, que traballou xunto a el o desenvolvemento de competencias profesionais e persoais para desempeñar as súas funcións con autonomía e seguridade.
A firma deste contrato indefinido supón un recoñecemento ao esforzo, compromiso e evolución profesional de Marcos, que xa participara previamente en varias experiencias formativas e prácticas en empresas. A súa contratación é tamén unha mostra dos resultados que se alcanzan cando as persoas contan con apoios adecuados e as empresas apostan pola diversidade e a inclusión nos seus equipos.

Desde Down Galicia trasladamos os nosos parabéns a Marcos por este importante paso e o noso agradecemento a MediaMarkt polo seu compromiso coa inclusión laboral. Incorporacións como esta poñen de manifesto que a colaboración entre entidades sociais e tecido empresarial é clave para construír unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas teñan a oportunidade de desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións.

Ir o contido