Mozos e mozas de Down Lugo pasan un fin de semana inolvidable en Fisterra

Un grupo de mozos e mozas da asociación Down Lugo viviu, a comezos deste mes de xullo, un dos momentos máis agardados do ano: a súa viaxe previa ás vacacións de verán.

Máis ca unha simple escapada, esta fin de semana foi unha oportunidade para convivir, compartir risas, descubrir novos lugares e crear recordos inesquecibles.

A aventura comezou o venres 4 de xullo, cunha xornada tranquila na que desfrutaron da Praia da Ribeira, entre chapuzóns e descanso ao sol. Ao caer a tarde, chegou o momento de poñerse guapos/as para a cea.

O sábado foi un día cheo de actividade. O grupo percorreu as encantadoras rúas de Fisterra, onde tiveron a sorte de atopar unha foliada popular, e non dubidaron en unirse ao ritmo cos seus mellores pasos de baile. Despois, visitaron o Castelo de San Carlos, mergullándose na historia e nas vistas ao mar. Tras un merecido descanso e unha comida compartida no albergue, puxeron rumbo ao “Fin do Mundo”, camiñando ata o Faro de Fisterra, onde gozaron das espectaculares vistas do Atlántico.

Aínda que o domingo amenceu cun tempo menos favorable, iso non lles impediu seguir desfrutando. Pasearon pola vila e xantaron preto da praia do Pindo, para facer logo unha última parada no Castelo de Vimianzo, poñendo así o broche final a unha fin de semana chea de emocións, descubrimentos e momentos que quedarán para sempre na memoria.

Esta viaxe non só marcou o inicio simbólico do verán para os mozos e mozas de Down Lugo, senón que tamén reflicte o valor de compartir, de explorar a contorna e de seguir traballando a autonomía, a confianza e os vínculos entre amizades.

Ir o contido