Un mozo de Down Vigo comeza a traballar en Rodavigo como operario de almacén

 

Miguel Ángel, un mozo integrante do proxecto de Emprego con Apoio de Down Vigo, acaba de incorporarse ao equipo de traballo da empresa Rodavigo, dedicada á comercialización e distribución de produtos industriais. Cun contrato inicial de tres meses a xornada completa, móstrase ilusionado nesta etapa inicial, sinalando que se sente “moi ben” na empresa.

Nesta nova experiencia laboral, Miguel Ángel traballa a quendas rotativas. Cando está de mañá, recibe e conforma produtos ou prepara pedidos. Cando está de tarde, céntrase na expedición de mercadoría e outras tarefas puntuais, como localizar produtos no almacén, situalos cando non teñen incorporada a súa situación no sistema ou ordenar o propio lugar de traballo.

Por iso, o seu novo posto require o adestramento de diversas habilidades, tanto no control de procesos no computador como na localización, situación e ordenación de produtos no almacén. Miguel Ángel afronta o reto ilusionado. Como el mesmo indica, a súa principal dificultade é “non equivocarme no computador” e para afrontala ten claro cales son os puntos crave: “Non ir tan rápido, pensar antes de actuar, non distraerme e preguntar”.

Miguel Ángel conta cunha dilatada e diversa traxectoria profesional. Anteriormente traballou como operario de produción en automoción, como pizzeiro e como axudante nunha escola de vela. O que máis lle gusta deste novo emprego é que “é variado” e permítelle “aprender de motores e de compoñentes industriais”.

Ademais do dominio da tarefa, na metodoloxía de emprego con apoio é fundamental o papel dos compañeiros e compañeiras. Neste sentido, Miguel Ángel resalta que “mellores compañeiros dos que teño non os vou a ter, sempre están dispostos a axudar”. Agora mesmo o seu desexo é poder consolidarse na empresa, xa que está “moi contento”.

Pola súa banda, Nazario Correa, Director Xeral de Rodavigo, destaca que a inserción de Miguel Ángel está a ser “moi positiva a todos os niveis”, resaltando o seu “interese e capacidade de adaptación”. Traslada que tanto a aprendizaxe como a adaptación ao equipo de traballo está a ser rápida e moi favorable.

Desde Down Vigo queren dar os parabéns a Miguel Ángel por esta nova oportunidade laboral e agradecen a Rodavigo que sume as súas forzas ás da entidade na procura da verdadeira inclusión laboral.

Ir o contido