O restaurante Porta Faxeira (rúa do Franco, 50) acolleu antonte, domingo 12 de novembro, a celebración do VI Campionato de Baristas Down de Galicia que organizaron Cafento, Fundación Down Compostela, Asociación Down Vigo e Pousadas de Compostela.
O establecemento compostelán encheuse para observar as calidades como baristas de doce mozos e mozas de Down Compostela e Down Vigo coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Un xurado profesional foi o encargado de valorar as súas distintas propostas. Finalmente, o equipo de Santiago levou os premios de Mellor Espresso e Mellor Cóctel; mentres que o conxunto de Vigo venceu na categoría de Mellor Capuccino.
A semana pasada os profesionais baristas da escola de Cafento Diego López e Tamara Rey, en Santiago, e Enrique Salgueiro, en Vigo, encargáronse de formar aos integrantes dos dous equipos.
Os Campionatos Baristas Down, nacidos en Galicia no ano 2012 e coorganizados por Cafento e a Fundación Down Compostela, son unha iniciativa pioneira no mundo que busca visibilizar ao colectivo de persoas coa síndrome de Down en termos positivos, dar unha formación profesional especializada a persoas deste colectivo e facilitar a súa inserción no mercado de traballo con prácticas laborais en establecementos de hostalería. Actualmente celébranse tamén noutras comunidades autónomas españolas.
Balance dos Campionatos Baristas Down ata agora
Grazas a estes certames, cento vinte persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de toda España, puideron formarse como especialistas no mundo do café. Deles, case unha trintena tivo ocasión de realizar prácticas laborais en diversos tipos de establecementos de hostalería.
Varios dos participantes nos campionatos foron contratados de modo temporal pola propia Cafento que, ademais, contratou de maneira indefinida a dous dos participantes na primeira edición do Campionato Barista Down de Andalucía (2014), para a súa sede en Córdoba.
Pero, máis aló de pretender contribuír á inserción laboral, e consecuente autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, os Campionatos Down queren ser unha oportunidade para visibilizar a este colectivo como persoas perfectamente capaces.
O Campionato Down máis internacional ata a data
Os certames viñeron chamando a atención da prensa especializada internacional, tendo repercusión nalgúns dos medios máis prestixiosos, como Barista Magazine e Daily Coffee News, e chegando a países como Estados Unidos, Dinamarca ou Canadá, onde naceu un proxecto similar chamado Made by Mavericks, que en 2015 recibiu un importante premio naquel país.