Dende o ano 2017, a Policía Nacional organiza de xeito anual o evento deportivo ‘Ruta 091’, carreiras simultáneas en varias cidades que recadan fondos a beneficio de entidades sociais.
Este ano unha das localidades escollidas é Vigo, que celebrará a súa carreira o domingo 19 de novembro e doará a cantidade recadada á asociación Down Vigo.
Calquera persoa que estea interesada en participar ou colaborar pode facelo tramitando a súa inscrición ou comprando un dorsal a través da páxina web do evento: https://ruta091.es/carreras
Esta carreira solidaria terá un percorrido de 5 quilómetros, con punto de inicio e finalización en Samil, pasando pola Avenida de Europa e a Avenida Atlántida. Poderase participar en tres modalidades: carreira absoluta; infantil (percorrido de 1km) e dorsal 0, mediante o que se realiza un donativo sen participar na carreira deportiva. O prazo de inscrición finaliza o próximo 12 de novembro.
Na presentación do evento, celebrada no centro comercial Vialia a finais de outubro, participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a concelleira de Seguridade Cidadá e Tráfico, Patricia Rodríguez Calviño; o comisario xefe de Vigo-Redondela, Ramiro José Gómez García; o delegado de participación cidadá da Policía Nacional, Antonio Perera; e o presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois.
Dende Down Galicia agradecemos a todas as persoas e empresas colaboradoras o seu compromiso coa inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Cada unha destas iniciativas axuda a dar visibilidade ao traballo diario das entidades Down e á importancia da inclusión social.