Sabías que desde o pasado 1 de xaneiro de 2024 as túas doazóns teñen máis vantaxes fiscais?
O pasado 19 de decembro aprobouse a Real Decreto-lei 6/2023, que modifica a lexislación sobre mecenado vixente en España ata ese momento, dando así resposta a unha das solicitudes do terceiro sector, xa que favorece as doazóns culturais e sociais.
A RAE define o mecenado como a “protección ou axuda dispensadas a unha actividade cultural, artística ou científica”. Trátase dunha colaboración desinteresada por parte da persoa mecenas, que actúa movida polo altruísmo e é froito do seu compromiso social.
De entre as principais modificacións desta lei, destacamos, por unha banda, o incremento nas porcentaxes de dedución. No caso das persoas físicas, a base sobre a que se pode deducir o 80% aumenta de 150€ a 250€ e a cantidade restante contará cun 40% de dedución en lugar do 35% anterior.
En ambos os casos, prémiase o chamado mecenado sostido, no que a dedución aumenta se se realizou unha doazón polo mesmo importe ou por importe superior nos dous anos anteriores. Neste último suposto, a dedución será do 45% para as persoas físicas e do 50% para as persoas xurídicas, mentres que antes era do 40% en ambos os casos.
Doutra banda, a nova lexislación inclúe de forma expresa a cesión de uso de bens mobles e inmobles como doazóns fiscalmente deducibles.
Por último, recoñécese explicitamente ás achegas en especie e á prestación gratuíta de servizos dentro do concepto de convenio de colaboración, podendo os colaboradores difundir e publicitar a súa participación.
Se queres colaborar coa Federación Down Galicia e axudarnos a seguir proporcionando ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais un sistema estruturado de apoios que lles permitan levar a vida que elas mesmas elixan, entra nesta ligazón.
Moitas grazas!