Xuntos, Down Ourense e Down Vigo organizaron nas últimas semanas varios obradoiros impartidos polos centros Quérote+, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que prestan un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas máis vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal.
Por un lado, as persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos desfrutaron do obradoiro “Aprendendo a cultivar a autoestima”, no que aprenderon que o primeiro é o amor propio da man de Noa e Isaac.
Down Ourense, pola súa banda, organizou unha charla sobre o papel que teñen as familias na educación afectivo-sexual dos seus fillos e fillas. A formación, impartida pola psicóloga Laura López, incluíu pequenas claves ao alcance de todas as familias: evitar o silencio, ofrecer intimidade, propiciar as relacións persoais ou a consideración cara o corpo, entre outras.
Por último, Down Vigo recibiu unha charla sobre o propio funcionamento dos centros Quérote+, coñecendo de primeira man todo o que ofrece este servizo gratuíto, anónimo e confidencial.