Un novo estudo sinala importantes barreiras para acadar unha educación verdadeiramente inclusiva nas aulas

Un recente informe elaborado por Aula Desigual, co apoio de Down España e o Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, pon de manifesto que aínda persisten importantes obstáculos para levar a cabo unha educación realmente inclusiva en centros educativos de todo o Estado.

O estudo, titulado “Barreiras, variables e liñas de actuación”, recolle as respostas de máis de 1.750 profesionais de distintos niveis educativos e ofrece unha análise profunda das prácticas que limitan a presenza, participación e progreso do alumnado con discapacidade nas aulas ordinarias.

O traballo, desenvolvido entre 2023 e 2025, organiza os resultados en cinco grandes eixos: planificación, metodoloxía, elaboración didáctica, avaliación e atención á diversidade. Ditos eidos amosan que, a pesar dos avances normativos e sociais, continúan existindo dificultades significativas para garantir unha atención educativa equitativa e accesible para todo o alumnado.

Principais barreiras identificadas

Os resultados amosan que a maior barreira para unha educación de calidade para todo o alumnado atópase no ámbito da atención á diversidade. Deste xeito, o informe concreta as seguintes barreiras principais:

  • Dificultades na accesibilidade tecnolóxica, obtendo a puntuación máis baixa de todo o cuestionario
  • Carencia de materiais accesibles tanto a nivel sensorial como cognitivo.
  • Escasa co‑docencia e colaboración entre docentes.
  • Limitada diversidade de técnicas de avaliación, con predominio de modelos unidireccionais.
  • Pouca presenza de recursos en linguas diversas, o que afecta ao alumnado con distintas linguas maternas.
  • Débil promoción da autonomía do alumnado, tanto na planificación como na avaliación.

Un dos achados máis preocupantes do estudo é a chamada “paradoxo do apoio”: a medida que o alumnado medra, dispón de menos flexibilidade e menos oportunidades para exercer a súa autonomía.

Conclusións e propostas de actuación

As conclusións do informe, baseado na ferramenta PEIA, subliñan a necesidade de transformar a inclusión nunha práctica habitual e efectiva nos centros educativos. Entre as propostas principais destacan:

  • Reorganizar tempos e apoios para facilitar a co‑docencia efectiva.
  • Deseñar procesos de aprendizaxe máis flexibles e accesibles para todas e todos.
  • Concibir a atención á diversidade como unha responsabilidade compartida por todo o centro educativo.

Desde Down Galicia consideramos que estes resultados deben ligarse a un compromiso real e sostido por parte das administracións e toda a comunidade educativa, para que ningún alumnado quede atrás e para construír un sistema educativo no que a inclusión non sexa só unha intención, senón unha realidade vivida.

Acceso ao informe “Barreiras, variables e liñas de actuación”

Ir o contido