Desde o pasado mes de outubro, varios mozos e mozas pertencentes á asociación Down Lugo e estudantes do campus universitario da capital lucense participan semanalmente en distintos talleres de conversación que teñen como tema central a vida independente.
Esta iniciativa, incluída dentro do proxecto Campus Oportunidades para a Inclusión de Down España, organiza actividades que favorecen a participación social e as relacións interpersoais dentro do ámbito universitario. O seu obxectivo é impulsar accións formativas en contornas inclusivas que permitan ás persoas adultas coa síndrome de Down a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar as súas competencias para o seu desenvolvemento persoal, social e profesional.
Así, de forma semanal, seis mozos e mozas con discapacidade desprázanse ata a Facultade de Enfermería da USC no Campus de Lugo, onde de forma conxunta con oito estudantes universitarios dos Graos de Enfermería e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, conversan e traballan sobre diversos aspectos dunha das súas inquedanzas compartidas: a vida independente.
Ata o momento puxeron en común ideas, opinións, preocupacións, sentimentos e decisións sobre o dereito á vida independente, á saúde, ao fogar, ao emprego ou ás relacións persoais, entre outros temas.
Esta experiencia, que rematará o vindeiro mes de febreiro, ofrece ás persoas participantes un lugar no que establecer relacións interpersoais próximas e crear lazos máis aló dos propios talleres, e brinda a oportunidade de demostrar que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden e deben conquistar novos espazos de inclusión.
Para a organización destes talleres, Down Lugo conta coa colaboración do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria do Campus de Lugo.