A asociación Down Coruña acaba de poñer á venda o seu calendario solidario 2024, que estará dispoñible en El Corte Inglés de Ramón y Cajal e en FNAC da Praza de Lugo. Nesta ocasión, o almanaque busca destacar a beleza e a vitalidade das persoas coa síndrome de Down, converténdose nunha fiestra á inclusión e á diversidade.
Por quinto ano consecutivo, a entidade realizou este calendario como unha ferramenta de sensibilización para acercar á sociedade a realidade das persoas coa síndrome de Down e dar visibilidade aos valores defendidos por Down Coruña.
O almanaque estará dispoñible para a súa adquisición ata o 15 de xaneiro nos comercios indicados anteriormente e coa súa compra apóiase o labor de Down Coruña na busca dunha sociedade máis inclusiva.
A asociación Down Coruña ten como misión principal mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, promovendo o desenvolvemento das súas capacidades individuais e facilitando a súa total inclusión en contornas familiares, sociais, educativas e laborais.